Porco Landrán® é unha marca rexistrada de produtos elaborados con carne de porco celta certificada. O porco celta é unha raza que ata os anos 50 do século XX era a habitual nas casas labregas de Galicia, pero foi desaparecendo sen pausa ata hoxe, polo que se atopa en vías de extinción. Teñen unha anatomía moi singular: son longos, coa cabeza moi grande con orellas que lles chegan a tapar os ollos. Son tamén altos e grandes andadores. Outra característica é que teñen un crecemento máis lento que outras razas. As súas singularidades anatómicas e os hábitos de vida fan que a súa carne sexa moi prezada na cociña tradicional galega, tanto en fresco como para a elaboración de embutidos e xamóns, pois achegan graxa de moi boa calidade.
A carne e os produtos de porco celta fóronse facendo cunha posición de prestixio ata acadar un nivel moi próximo ao do porco ibérico. As súas tres variedades, a santiaguesa, a barcina e mais a carballina, achegan hoxe en día unha produción cárnica limitada, pero moi prezada no segmento consumidor máis esixente. Grazas a un arduo labor de recuperación, liderado por Asoporcel, conseguiuse que a cabana desta variedade porcina se fose recuperando, malia que aínda se atopa entre as razas en declive.
A denominación popular de porco landrán ten que ver con outra das súas características peculiares: os hábitos alimentarios e de vida. Esta raza é consumidora de landras (bellotas en castelán), igual que o seu parente ibérico. Precisamente, a calidade dos produtos elaborados coa carne destes porcos tamén radica no modelo de explotación e na alimentación.
O porco celta críase en réxime aberto e aliméntase nos bosques atlánticos galegos, principalmente de landras, castañas, raíces e outros vexetais e seres vivos. Nas tempadas nas que a provisión natural de alimento non cobre as necesidades alimentarias, a dieta dos animais compleméntase con outros produtos naturais como verduras, cereais, patacas… O resultado é un produto de calidade extraordinaria, tanto polo sabor como polo elevado contido de ácidos graxos insaturados, recoñecidos polos seus efectos beneficiosos para a saúde humana.
Este modelo de crianza tamén contribúe a fixar poboación no territorio e a un coidado especial dos nosas fragas vellas, pois estes animais fan un labor de limpeza do noso sotobosque que contribúe á conservación e extensión dos bosques atlánticos de Galicia.
© Fotografías Dseña.com